miércoles, 17 de mayo de 2017

Monte Vixiador

Onte fixemos unha excursión ao monte Vixiador. Pasamos unha estupenda mañá coñecendo a nosa flora e fauna, recoñecendo as pegadas deixadas polos animais do lugar, procurando anfibios nas charcas, descubrindo cantos anos tiñan as árbores e camiñando entre elas pendurados dunha corda. Que ben o pasamos!


Cé Orquestra Pantasma

Na semana da cultura que celebramos no cole, comezamos cunha estupenda actuación de César "Cé Orquestra Pantasma" que nos animou a mañá con cancións do folclore galego. Un traballo admirable! Agradecemos tamén a ANPA do centro que se encarga de conseguir estas estupendas visitas!








Maios 2017

O pasado venres celebramos no cole a festa dos maios. Despois de que cada clase participase na elaboración do Maio, uns estupendos presentadores contáronnos a historia desta festa e todos xuntos bailamos e cantamos as coplas feitas polos nenos.





Correlingua

O xoves día 11 acudimos ao Correlingua. Foi unha mágoa que polo mal tempo non puidéramos realizar a marcha dende o Concello. Aínda así pasámolo en grande bailando, cantando e berrando as nosas consignas. E o noso traballo non foi en vano xa que gañamos o premio á mellor animación coas preciosas pancartas que elaboraron os nosos alumnos. Ben feito! En galego, sen cancelas!




Trasplantamos framboesas

Que ben o pasamos na horta do cole xunto á profe Ana. Ela encárgase de explicarnos os segredos para coidar ben todo aquilo que plantamos. Neste caso trasplantamos unhas estupendas plantas de framboesas para colocalas na nosa horta vertical. Que bonitas quedaron nos palés que pintaron os alumnos de infantil. Bo traballo!


Día do libro. Padriños lectores

No día do libro os alumnos de 6º fixeron de padriños lectores para contarlle un conto aos alumnos de 2º de primaria e algúns nenos de 3 anos. Elixiron o seu lugar favorito no patio e gozaron dunha estupenda lectura en boa compañía. Moitas grazas polos agasallos que nos fixeron os afillados, uns divertidísimos e preciosos marcapáxinas :)


Visita de Gonzalo Moure

Este curso os nenos e nenas de quinto e sexto de primaria levamos a cabo a lectura do libro "Palabras de Caramelo" do autor Gonzalo Moure. Unha lectura chea de emoción e sentimentos que nos achegou ao mundo saharauí. Entre todos creamos a nosa "jaima" e alí recibimos a Gonzalo Moure, ao que lle agradeceremos eternamente as súas historias, os seus consellos e cada unha das súas palabras. Un encontro fantástico que, sen dúbida, non esqueceremos. Polo de agora, seguimos gozando da nosa "jaima", que xa é o noso lugar habitual de lectura!